Discurso realizado por Amparo Buján, secretaria da Asociación Cultural e Musical O CASTELO, no acto de entrega do premio á Defensa do Idioma.
En nome da Asociación Cultural e Musical O Castelo gustaríame agradecervos o recoñecemento que esta tarde nos ofrecedes.
Luís Seoane dixo: “un poema é algo que se fai o mesmo que un cadro, e a poesía que conteña pode xurdir das novas dos diarios. Poesía atópase nun edificio, na rúa, na historia, na natureza, nun sentimento.”
E eu dígovos: a lingua é algo que se fai o mesmo que un cadro, e a poesía que conteña pode xurdir das novas dos diarios (se escolledes ben). A lingua está nos edificios, na rúa, na historia, na natureza, nun sentimento.
A lingua tamén está na escola, aínda que a moitos lles pese; a lingua está nos hospitais, nos mercados, nos xogos.
Porque a lingua somos nós.
Hai lingua nos pais que arrolan aos nenos cun canto de berce, hai lingua en dous namorados que se mandan mensaxes, hai lingua no opositor que redacta exames ou na muller que vai á peixería.
Hai lingua na Foliada, claro.
A Foliada naceu coma unha xuntanza de músicos e amigos, aos que axiña se lles uniron artesáns ou obradoiros tradicionais e actividades complementarias como a presentación dalgún libro, charlas ou un concurso de cantos de taberna.
Se, como dixemos, a lingua está en todo (porque a lingua somos nós), a Foliada foi só outro motivo para poñernos de manifesto.
Para tal expresión valémonos dalgunha estratexia:
Aquilo era recordo para moitos e ensinanza de novo para outros, pero había lingua por todas partes.
Pero o cerne da nosa xuntanza é a música.
A música como conservante da lingua: a que adoza os momentos duros de traballo, o altifalante das protestas, o fío condutor de moitos encontros, o berro animoso. Na nosa cita a música persóase nos grupos que participan no serán, na marcha gaiteira polas rúas, nos bailadores ou nos cantadores nas tabernas.
Nada disto se pode separar da lingua.
A lingua está en todo.
A lingua somos nós, logo os nenos son o futuro da lingua. A continuación da palabra está neles.
Tamén se fai lingua cando imos aos colexios a cantar os Reis. Fomos acompañados dun reiseiro, que lles explicou aos rapaces as horas de diversión unidas a xaneiro, os cantos de Nadal, as panxoliñas, o aguinaldo e a requenaviva.
Tamén se fai lingua cando lles amosas un refaixo, ou como colocar o dengue. As partes da gaita ou o son das ferreñas na pandeireta.
Na acta de constitución da Asociación aparecen como fins principias a investigación, o estudo, a conservación e a defensa da cultura. A promoción e a difusión, e o labor de concienciación. É a nosa intención seguir traballando para acadar eses obxectivos.
Porque a lingua é un tesouro, do que hai que ser merecente.
E eu non falo para os soberbios
non falo para os ruíns e poderosos,
non falo para os finchados,
non falo para os baleiros,
non falo para os estúpidos,
que falo para os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
para os que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana:
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura áceda que me abrangue
ao ver a tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor aos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Anímovos a seguir cultivando o idioma, e deséxovos saúde, amor, lingua e Patria.
Moitas grazas.
ASOCIACIÓN CULTURAL E MUSICAL O CASTELO - CIF. G70077359 - SANTA MARÍA S/N - 15800 MELIDE - (A Coruña ) foliadamelide@gmail.com


